5 oct 2012

Altercados en Ferrol no inicio de Campaña Electoral

Onte tivo lugar a manifestación convocada pola CIG baixo o lema "Contra ás nefastas consecuencias do goberno Feijoo". Esta transcorreu con total normalidade sen ningún tipo de incidentes. Ao finalizar a manifestación e de forma ESPONTÁNEA, sen ningún tipo de convocatoria previa, unhas 400 persoas, entre as que se distinguían; traballadores do Naval, Poligal, desempregados, funcionarios etc. encamiñáronse cara ao Hotel Almirante, lugar no que o PP daba inicio á Campaña Electoral. (Segundo me acaban de comunicar, si que existía convocatoria, esta foi feita por parte dos comités de empresa de Navantia e Poligal)

Nun principio o acto do PP estaba previsto realizalo na Praza de Amboaxe, pero por motivos que descoñezo trasladouse ao citado hotel, neste dábanse cita militantes do partido, entre os que destacaban; José Manuel Rey Varela (Alcalde de Ferrol); Diego Calvo (Secretario xeral do PP da Coruña); Miguel Tellado (número catro por A Coruña); Germán Castrillón (Alcalde de Cabanas) etc.

Os ánimos caldeábanse segundo ían pasando os minutos, e máis cando membros do PP se puxeron a mirar a través das cortinas e realizar fotos e aplaudir aos alí presentes. Neses momentos algunhas persoas botaron algunha pedra e ovos ás ventás, dous bolardos eran arrancados e lanzados ás portas da entrada principal do hotel.

En Ferrol estaban os "Homes de negro"
Entre os manifestantes estaban membros da policía secreta, un deles mesmo levaba posta a camiseta en defensa dos servizos públicos. Non citaría este detalle se non fose porque 20 minutos antes, na presentación de campaña de Alternativa Galega de Esquerdas, apareceron tres membros (dous homes e unha muller) da "Brigada político social" e puxéronse a realizar fotos da xente alí congregada. Estas persoas non eran de Ferrol, e tampouco eran os clásicos policías camuflados que realizan as comprobacións ordinarias de visualización de que todo vai ben. Esta actitude é antidemocrática cando este acto si que é democrático  A xente que traballa na política local non se esconde, pois funcionan democráticamente cumprindo as normas do estado de dereito. É máis, estas fotos saen logo á luz e son de dominio público, NINGUÉN DE NÓS TEN PORQUE ESCONDERSE.

Os minutos convertéronse nun par de horas, e apareceu un pequeno grupo de antedisturbios aos que se lles sumaron membros da Policía Local preparados con equipos similares.

A carga e a detención de Xesús Anxo López Pintos
A saída do hotel foi a parte quente, Diego Calvo e José Manuel Rey Varela, saían pola parte traseira do hotel, concretamente pola cociña, protexidos por escudos da policía, nese momento foron increpados polos concentrados que proferían insultos. Ao dar a curva á mazá, na Rúa Lugo, Diego Calvo e José Manuel Rey Varela escaparon rúa abaixo á carreira. A insistencia dos concentrados por querer ir detrás obrigou en certo modo a policía nacional e local a efectuar unha carga contra estes.

Da carga só podo dicir que cada un "xogaba o seu papel", ata o momento da detención de Xesús Anxo López Pintos, pois este non agrediu en ningún momento a ninguén, permaneceu coas mans nos petos ou cubríndose o corpo cando lle zurraban, e en ningún intre deixaba de intentar tranquilizar os ánimos, pero infrutuosamente, un dos golpes alcanzáballe a cabeza e producíalle unha brecha, foi o momento en que tres policías nacionais foron directamente a por el e esposárono.

Pensei, tal como contei, que a brecha na cabeza fora feita cando se abalanzaron por el, pero non foi nese intre, vin a detención dende a parte de atrás da policía, e cando xa o traían esposado viña sangrando, polo que din por feito que fora na refrega. No vídeo da 6 TV, queda demostrado que foi un DELITO.  

É de salientar a agresividade dun axente da policía nacional que non baixou a porra en ningún momento nin cando a cousa estaba en calma, un dos seus compañeiros chegou a dicirlle "Baixa xa iso".

Xesús Anxo López Pintos, foi trasladado a comisaría da Avd. de Vigo, e incomunicado á espera de prestar declaración no día de hoxe.

Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License. Wikio

No hay comentarios: