27 feb 2014

Dous compañeiros da CIG-Saúde de Ferrol, detidos por non querer identificarse ante a policía nacional.

Texto recollido da páxina web do sindicato:

Compañeir@s agardando ás portas da comisaría
Representantes da CIG-Saúde de Ferrol foron desaloxadas/os este mediodía do Hospital Arquitecto Marcide, tras protestaren contra as políticas privatizadoras do PP coincidindo coa visita da conselleira de Sanidade. Dous membros da central sindical foron trasladados a comisaría para proceder á súa identificación, onde aínda continúan.

A Xunta de Persoal do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol recibiu onte a convocatoria dunha xuntanza, ás 13:00 horas de hoxe, coa conselleira de Sanidade. A CIG e CCOO decidiron non asistir á reunión, considerando que a proposta chega tarde, porque tras moito demandar cambios nas políticas privatizadoras do PP e que se poña freo aos recortes orzamentarios, de persoal e de dereitos a consellaría non fixo mudanza algunha.

Por iso prepararon uns panfletos e concentráronse diante do Salón de Actos do centro hospitalario, xunto con outras traballadoras e traballadores, para repatilos, impedindo o acceso da conselleira.

Ante a protesta, a conselleira foi trasladada ao despacho do Xerente, a onde se dirixiron tamén os representantes sindicais. A eles se dirixiu o Xerente, indicando que tiñan que aproveitar a presenza da conselleira para falar con ela e asegurando que non entendía como impedían a celebración da xuntanza.

Ás 14:00 horas, estaba prevista outra reunión, de novo no Salón de Actos, con mandos intermedios do hospital e as/os representantes da CIG e CCOO regresaron á entrada do mesmo para repatir tamén entre este persoal os panfletos informativos.

Unha vez alí a policía autonómica indicoulles que se continuaban coa protesta procederíase ao seu desaloxo. As/os representantes de CCOO optaron por retirarse e as/os representantes da CIG-Saúde continuaron co acto de protesta e repartindo panfletos

Posta en liberdade dos compañeiros 
De contado uns 15 policías autonómicos procederon ao seu desaloxo, pero continuaron manifestando a súa oposición ás políticas sanitarias do Partido Popular no exterior do centro hospitalario.

Tras do desaloxo, persoal sanitario do Arquitecto Marcide tras ver como desaloxaban ás súas/seus compañeiras/os, baixou á entrada principal do hospital para manifestar a súa solidariedade, berrando desde o interior do centro “Non á represión”.


Entre mentres chegaron 15 efectivos máis, desta volta da Policía española, e procederon a solicitar a identificación de todas as persoas presentes na concentración da CIG-Saúde. Porén, dous compañeiros da CIG de Ferrol que non se identificaron foron trasladados á comisaría onde a esta altura continúan. Por eles agardan representantes da central sindical.

Fonte: http://www.galizacig.com/avantar/novas/27-2-2014/trasladan-a-dous-membros-da-cig-a-comisaria-para-a-sua-identificacion

Creative Commons License This obra by susete70 is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-No comercial-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.

No hay comentarios: